lunes, 13 de abril de 2009

Traballando nos novos percorridos

Despois destes meses de inverno, xa estamos traballando nos próximos percorridos.

En breve presentaremos o programa de roteiros a tres meses vista, para que te planifiques!!

lunes, 2 de febrero de 2009

O tratamento das pesqueiras no PXOM de Arbo


UN ARTIGO DE RAFAEL GUTIÉRREZ, ARQUEÓLOGO E SOCIO DE ADENCO


Cando falamos das pesqueiras do Miño, tamén denominadas pescos, estamos remontándonos á plena Idade Media, retrocedemos até os séculos X-XI, nin máis nin menos que un percorrido de máis de mil anos, tanto tempo como o de moitas das catedrais que hoxe son mostras de estilos artísticos recoñecidos en todo o mundo. Son pois, testemuños físicos do nosos pasado aínda en vigor; en vigor físico, económico e identitario. Construccións únicas coa finalidade de explotar os recursos pesqueiros que o río Miño, o máis importante do noroeste peninsular leva séculos ofrecendo ás poboacións ribeireñas, tanto galegas como portuguesas.


Falamos dun enorme período de tempo, e dunhas creacións e intervencións humanas sobre o Medio senlleiras, das que non se atopan exemplos de análoga morfoloxía noutros lugares. Xa só iso abonda para prestarlles unha atención especial por parte de todos.


Estamos pois, tratando con auténticos monumentos etnográficos, construccións monumentais que seguen en uso na actualidade, utilizados en condicións de rendibilidade económica directa e indirecta, e que non experimentaron practicamente ningunha modificación no esencial dende hai un milenio.


Catalogadas como propiedade de herdeiros e caracterizadas ademais pola posibilidade de vender ou trocar o seu uso, non o ben en si mesmo, resultan polo tanto paradigma dunha propiedade de tipo colectivo.


Dende o punto de vista arquitectónico, as Pesqueiras do río Miño, son exemplo claro de adecuación e axeitamento entre a súa forma e a súa función; simbiose perfecta entre enxeñería e arquitectura popular, despois de tanto tempo acabou por formar parte da paisaxe das marxes do río Miño, acabaron por se integrar e mimetizar coa contorna paisaxística, tanto que xa resulta en moitos casos difícil discernir onde comeza a man do home e onde a natureza.


As pesqueiras son obxectos físicos produto da acción antrópica, inmutables no seu celme, na súa esencia, tal e como foron ideados co obxectivo de obter o que o Medio ofrecía e ofrece, tristemente cada vez menos. Todo isto abonda para que sexan merecentes do máis exquisito dos tratamentos, da máis cumprida das atencións. É por isto que non existe dúbida á hora de telas en consideración de monumentos cun altísimo valor histórico, etnográfico e artístico.


Son un legado dos devanceiros, unha parte da identidade do Patrimonio Cultural de Galiza que fai absolutamente imprescindible a súa protección, conservación e revalorización. Todos, en en primeiro lugar a administración local, temos a obriga moral de velar polo seu coidado, de preservar e tentar que a cadea da transmisión non rompa; as xeracións vindeiras teñen dereito a poder disfrutar da súa existenza. Xa non caben máis excusas para non iniciar con paso decidido a andaina da recuperación, cómpre colocar ás pesqueiras non lugar que merecen, no lugar de privilexio e honra que elas mesmas gañaron , o que non conseguiu derrubar o río, a forza das enchentes, non pode derrubalo a man do home.


No documento inicialmente aprobado do Plan xeral de Ordenacion urbana de Arbo do pasado mes de outubro, as pesqueiras reciben un tratamento absolutamente ridículo, por suposto no senso cuantitativo, pero tamén no cualitativo. Tan só aparecen recollidas as pesqueiras no plano número 10, a escala 1:15.000, nunha máis que cuestionable relación de nomes identificativos. Compleétase esta ínfima información cunha ficha xenérica, única para todas, na que non se reflicte nada do que en realidade son.


Marcadas nun plano, inzado de inexactitudes, aparecen un total de 167 puntos que presumiblemente se correponden con outras tantas pesqueiras, e iso é todo. Os nomes con que se identifican están en moitos dos casos transcritos erroneamente por ter sido copiados de fontes que non se coñecen a fondo.


A absoluta falta de rigor científico e técnico abraia a calquera persoa, sexa ou non especialista no tema, non podía ter sido feito con menos seriedade. Semella que os autores non teñen o máis mínimo coñecemento da cuestión, percíbese que en ningún caso se visitaron as beiras do río Miño para obter a información precisa. Neste punto xa se lle poden esixir responsabilidades ao concello de Arbo por non ter subsanado esta cuestión antes a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación.


A pregunta é obvia, esta circunstancia é froito da pouca profesionalidade dos redactores ou hai un especial interese en que non se documente debidamente un patrimonio especialmente sensible?Como pode ser que o concello de Arbo, e en particular o seu alcalde, Manuel Rivera, pasase por alto tamaña carencia? Arbo é recoñecida en toda Galiza sen dúbida como a Vila da Lamprea , e dende logo as pesqueiras son parte indispensable deste apelativo.


Xa valoradas arriba as cuestións refrentes ao seu valor patrimonial, tampouco debemos esquencer a incidencia económica que sobre a vila ten este reclamo turístico durante case seis meses do ano. Aquí atopamos unha fonte complementaria de ingresos para moitos dos propietarios ou usufrutuarios dos pescos, e por suposto fonte directa para a hostelería local. Ofrecése dende hai case cincuenta anos, co respaldo institucional, un produto con marca de orixe, Lamprea de Arbo , acaso sería crible este carimbo identificativo se as pesqueiras desaparecen?


O deber ético e legal da administración local é o de preservar, protexer e valorizar o patrimonio que se atopa nos seus límites administrativos. O tempo xoga en contra destes senlleiros elementos, se en 1908 existían ao redor de 700 pescos ao longo de vinte e cinco quilómetros no curso medio do Miño, entre Salvaterra e Crecente, hoxe estímanse como moito unhas 450, estando moitas en estado de alto deterioro.

sábado, 24 de enero de 2009

Protexamos as pesqueiras do Miño

Este blog nace coa idea de protexer, difundir e valorar ás pesqueiras do Miño, tanto as da beira galega como as da beira portuguesa, sobre todo a raíz da nula protección que se lle dá no PXOM de Arbo que está agora en exposición pública.

Neste espazo virtual manterémosvos informados do que vaiamos facendo. Agora acabamos de comezar.

Desfrutade do Miño e vivide as súas pesqueiras!!